As últimas entradas do noso blogue

domingo, 1 de outubro de 2017

Resumo/Reflexión do Módulo 1 Marco Conceptual da Orientación Laboral

Autora: Eva Uriach Masgoret

TEMA 1: Marco de referencia da orientación laboral aberta


a) En primeiro lugar é importante saber que o Sistema Nacional de Emprego está formado polo Servizo Público de Emprego Estatal e polos Servizos Públicos de Emprego das CCAA. 

Ao primeiro deles (SEPE) se lle encomenda a ordenacion, desenvolvemento e seguimento dos programas e medidas de Políticas de Emprego. Está composto por: uns servizos centrais, unha rede de 759 oficinas distribuídas por toda España e un espazo web (www.sepe.es). 

O Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) é a estrutura pública dependente da Xunta de Galicia. As accións máis importantes que leva a cabo son: información e direccionamento, tratamento das demandas de emprego, captación e tratamento de ofertas e intermediación. 

b) Compre distinguir entre as políticas activas e as pasivas de emprego: 

Políticas activas de emprego: conxunto de medidas e programas orientadas a mellorar as posibilidades de atopar emprego das persoas desempregadas.

Políticas pasivas de emprego: sustitución de rendas destinadas a manter o nivel de ingresos das persoas desempregadas. 

c) Neste tema comezamos a familiarizarnos con determinada terminoloxía e cos diversos instrumentos de coordinación do Sistema Nacional de Emprego como son A Estratexia Española de Activación para o Emprego (2017-2020), os Plans Anuais de Políticas de Emprego (PAPE, servizos e programas que se poñen en marcha dende as CCAA) e os Sistemas de Informacións dos Servizos Públicos de Emprego 

d) Por último, a Estratexia Europea de Emprego 2020 proporciona un marco para que os paises da UE poidan compartir información e debater e coordinar as suas políticas de emprego con dous fondos estruturais (FEDER e FSE).


TEMA 2: Mercado laboral


Como orientadores temos que saber que a situación e evolución que segue o mercado de traballo de calquera economía é o resultado de dúas variables, a oferta e a demanda de traballo. 

A oferta de traballo é a poboación activa dunha sociedade, e dicir, as persoas ocupadas e tamén as desempregadas, en cambio, a demanda de traballo é a cantidade de traballadores que as empresas están dispostas a contratar.

Neste marco hai dúas premisas a ter en conta na relación entre o mercado de traballo e os salarios:

- Canto mais baixos sexan os salarios reais mais traballo demandarán as empresas

- Canto máis elevados sexan os soldos, a xente quererá traballar máis.

Un dos eternos debates que existen neste ámbito é do de coñecer as causas e efectos do desemprego. Resumindo moito podemos dicir que a teoría clásica apunta cara a que o funcionamento do mercado de traballo e a rixidez dos salarios á baixa son as principais causas do paro. Por outra banda a formulación keynesiana di que a insuficiente demanda agregada da economía é a causa do paro. 

A Enquisa de Poboación Activa (EPA) establece unha serie de variables e indicadores que nos permiten medir dun xeito comparable a magnitude e evolución do mercado laboral.

                                               Fonte: INE. Enquisa de Poboación Activa.

TEMA 3: Certificación e formación profesional


Partimos da base neste tema de que unha persoa está cualificada cando no seu desempeño laboral, obtén os resultados esperados, cos recursos e o nivel de calidade debido. Dicimos que unha persoa é competente, cando nos referimos á gama completa dos seus coñecementos e as súas capacidades no ámbito persoal, profesional ou académico, adquiridos por diferentes vías e en todos os niveis, do básico ao máis alto. 

Neste senso, o Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional, SNCFP, persegue identificar cales son as competencias requiridas para o emprego, polo que ten en conta tanto as competencias profesionais técnicas como as competencias clave, non ligadas a disciplinas ou campos de coñecemento concretos, pero imprescindibles para a inserción laboral .

O Instituto Nacional de Cualificacións (INCUAL), é o responsable de definir, elaborar e manter actualizado o Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais e o correspondente Catálogo Modular da Formación Profesional. 

Os certificados de profesionalidade son o instrumento de acreditación oficial das cualificacións profesionais do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais no ámbito da administración laboral.





TEMA 4: A política social e de emprego da Unión Europea


É importante saber que a UE coordina e supervisa as políticas nacionais de emprego, impulsa o intercambio de boas prácticas en materia de emprego, pensións, pobreza e exclusión social ademais de lexislar e supervisar a aplicación da normativa de dereitos no traballo e a coordinación dos réximes de Seguridade Social. Este obxectivo enmárcase dentro da Estratexia de Crecemento Europa 2020.


No que se refire á mobilidade dos traballadores hai que ter en conta que unha das catro liberdades que gozan os cidadáns da Unión Europea é a libre circulación dos traballadores, que inclúe o dereito de desprazamento e residencia do traballador, o dereito de entrada e residencia dos membros da familia e o dereito a traballar noutro Estado membro. Con este principio, neste tema tomamos conciencia da existencia da rede EURES.

O propósito de EURES é proporcionar servizos de información, asesoramento e contratación/ colocación (procura de emprego) aos traballadores e empresarios, así como a calquera cidadán que desexe beneficiarse do principio da libre circulación das persoas. 

Neste tema ademais ampliamos coñecementos sobre os fondos para o finanzamento das políticas de emprego (FSE) fondos estruturais. Tamén sobre o Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG).



TEMA 5: A iniciativa emprendedora como forma de acceso ao mercado laboral

Este foi o tema máis práctico deste módulo xa que nel comezamos a levar a cabo un plan de empresa e delimitamos a nosa idea de negocio empregando unha análise denominada método Canvas. 

Para isto o material empregado neste módulo comezou por poñer en valor os beneficios sociais asociados á creación de empresas e ao emprendemento así como tamén os principais factores desmotivadores que poden darse neste colectivo. Factores que dan como resultado o baixo índice de emprendemento acontecido nos últimos anos.

Resulta moi interesante que como orientadores sepamos guiar a todas aquelas persoas que están a considerar esta opción como unha maneira de insertarse con éxito no actual mercado de traballo.





Valoración



A nosa labor como orientadores pasa por ofrecer a aquelas persoas en situación de desemprego ou todas aquelas que así o precisen, ferramentas e información ÚTIL para poder desenvolverse na procura de novas saídas profesionais, nun entorno cada día cambiante. 

Debo confesar que pola miña experiencia profesional ata o de agora, o bloque do mercado laboral é que en máis profundidade coñezo e o que a súa vez máis chamou a miña atención. En cambio, teño que recoñecer que os restantes bloques quizais enriquezcan en maior medida a labor dun orientador xa que ofrecen unha información moi interesante para a axuda na toma de decisións individuais ante o mercado laboral actual.



Para saber máis


Instituto Nacional de las Cualificaciones
Instituto Galego das Cualificacións
Observatorio do emprego. Xunta de Galicia.
Instituto Nacional de Estadística
IGAPE



Ningún comentario:

Publicar un comentario